Monday 29 de April de 2024

Comunicado do Goberno da Pobra do Caramiñal


 

Debido á situación que se vén dando na nosa comarca nos últimos días, coa aparición dun foco de
contaxio por Covid-19 no veciño concello de Ribeira, e que afectou unha persoa do noso concello,
non podemos dar continuidade ó bando aprobado pola resolución da alcaldía que autorizaba as
fogueiras na praia dos Areos.
Témo-la seguridade de que sería un evento cun risco moi baixo de contaxio, debido á organización
e ás medidas estritas, así como ó operativo preparado, que contaría coa participación da Policía
municipal e da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil para colaborar no
desenvolvemento da actividade, informando, vixiando e se for necesario incluso paralizando a
celebración.
Se ben as autoridades sanitarias informan de que o novo episodio está controlado e de que se
coñecen os contactos que tiveron as persoas contaxiadas, que se manteñen en corentena e baixo
vixilancia, tamén é certo que non se pode te-la seguridade absoluta de que ningún caso escapou a
este control.
As fogueiras do San Xoán son unha tradición fondamente arraigada no noso concello, pero non
deixan de ser unha celebración prescindible no funcionamento da nosa sociedade. Este ano moitas
veciñas e veciños empregarán espazos privados para realizaren os lumes e festexaren o San Xoán. A
nosa intención sempre foi que todo o mundo puidese face-lo mesmo, aínda que fose empregando o
espazo público. A situación non o fai posible.
Agora non nos queda máis que esixirlles a tódalas persoas que van levar a cabo a celebración de
maneira privada que cumpran estritamente coa normativa sanitaria. Quen organice que non permita
infraccións. Ós pais e ás nais da xente máis moza, que exerzan a súa responsabilidade
sensibilizando os seus fillos e fillas fronte ó problema que segue vixente na nosa sociedade, e que
actúen con responsabilidade.
Queremos expresar tamén o noso apoio ás familias afectadas por estes novos contaxios, que se
recuperen o antes posible e desexamos que a nosa comarca siga coa incidencia baixa que mantivo
ata agora.